Introducción

A pesar de utilizar Nextcloud autoaloxado, hai moitas opcións das que trae que non estou a usar. Unha delas é o calendario. Non porque non lle vexa utilidade, senón porque entrar na web para anotar calquer cousa dende o PC non se me fai cómodo. Así que vou probar outra forma que ademáis integra co escritorio, Mercuro Calendar.

Polo que puiden ver, permite sincronizar tanto eventos do calendario de Nextcloud, como as tarefas ou os contactos. Así pois se temos unha tarefa con data de finalización, aparecerá no noso calendario. E se queremos engadir un contacto no evento, tamén o pode coller dende Nextcloud.

Por suposto admite outras sincronizacións Nextcloud, Google® Calendar, Outlook®, Caldav, etc. Pero a que nos ocupa é a primeira.

Instalación

A instalación é sinxela, xa que está incluído nos repos de case toda-las distros, polo que chegaría con executar o comando pertinente.

En Debian todavía sae co nome anterior.

sudo apt install kalendar

En Fedora

sudo dnf install merkuro

En openSuse

sudo zypper in merkuro

Pero a máis doada estando nun escritorio con KDE e utilizar a aplicación Descubrir, que é a aplicación gráfica para instalar aplicacións en KDE. De feito podemos tanto buscar nela Merkuro, coma pulsar no botón de instalar na web do proxecto, que xa nos abrirá a aplicación de Descubrir ca busca feita. Pulsamos en instalar e listo.

Configuración con Nextcloud

Entraremos no menú de Configuración e despois a Configurar Merkuro Calendar. Na sección de contas, engadiremos unha nova, e escollemos Recurso de traballo en grupo DAV.

O seguinte será introducir as nosas credenciais de Nextcloud.

Na imaxe vese un cadro de diálogo, no que se pide o usuario e o contrasinal

Unha vez feito, o seguinte é escoller o servidor que imos utilizar. No meu caso Nextcloud.

Na imaxe vese un cadro de diálogo, cun despregable para escoller cal queremos usar ou configurar manualmente

Na seguinte pantalla pediranos a información para conectar co noso Nextcloud.

No cadro de diálogo pide a dirección do servidor, unha ruta no caso de que non esté na ruta raíz e se queremos usar conexión segura

Unha vez introducidos os datos podéremos probar a conexión e, se todo foi ben, veremos a mensaxe de conectado. Ao finalizar veremos a pantalla de configuración da conexión, por se queremos facer algún axuste máis.

Pantalla de resumo da configuración, co nome do calendario, usuario, contrasinal e URLs

Unha vez aplicados os cambios poderemos ver no noso calendario os eventos e tarefas que teñamos configurados. Tamén recibiremos as notificacións no escritorio.

Vista do calendario ca anotación para este artigo

Conclusión

Se utilizamos un sistema de calendario para estar ao tanto das tarefas que temos que facer durante o día, o seu é telo a man. A web de Nextcloud está moi ben deseñada, pero para unha integración óptima co escritorio, o mellor é unha aplicación nativa. A opción de configurar Merkuro calendar ou Merkuro contacts con Nextcloud, facilita moito a vida para as tarefas a realizar no escritorio. O conxunto de aplicacións que nos ofrece KDE está moi pulido para traballar de xeito cómodo.