Introducción

Agora que teño instalado Fedora no meu equipo, quero utilizar o sevidor de DNS que teño na miña rede. Deste xeito poderei resolver os dominios dos servizos que teño en local. Con outros dispositivos fagoo de xeito dinámico, ca IP do servizo posta no router coma DNS. Pero por algún motivo neste equipo en troques de coller a DNS do router, está a coller o secundario. Así que xa que lle forzo a IP, forzareille tamén o DNS.

Configuración

Como xa dixen noutro artigo, estou a usar Fedora KDE. Así que o que fixen foi ir ao configurador de redes e na lapela de IPv4 escoller como Método, Manual. Xa a partires de aí, en servidores DNS establecín 192.168.0.113 que onde está o Pi-Hole que teño montado.

Na parte do Identificador do cliente de DHCP, engadín a IP que quero usar, ca máscara de subrede e a porta de enlace, que é a IP do router.

Problema 1. Non se establece o DNS

Normalmente con isto chega para que todo funcione, pero por algún motivo aquí non ía. Seguindo a solución nesta discusión no proxecto de fedora, ocorríame o mesmo. Cando miraba o resolv.conf a IP que aparecía era 127.0.0.53 e non a que configurei.

Descartei a opción de desactivar o systemd-resolved, xa que según lín pode rematar por dar problemas.

O seguinte paso foi crear a configuración manual en /etc/systemd/resolved.conf.d/resolved.conf co contido

[Resolve]
DNS=192.168.0.113
FallbackDNS=1.1.1.1

Unha vez feito reiniciei o systemd-resolved.

systemctl restart systemd-resolved.service

Problema 2. Segue sen establecerse o DNS

Cando quixen verificar que todo estivese correcto, non funcionou. Ao executar resolvctl, no apartado do current DNS Server seguía a amosar 127.0.0.53. Despois de buscar e non atopar solución, rematei por preguntar a ChatGPT, este suxeriume engadir a seguinte liña DNSStubListener=no en /etc/systemd/resolved.conf.d/resolved.conf, quedando como

[Resolve]
DNS=192.168.0.113
FallbackDNS=1.1.1.1
DNSStubListener=no

Cando volvín a executar resolvectl status, desta vez si que o Current DNS era o que quería.

Problema 3. Teño o DNS pero non resolve os meus servizos locais.

A pesar de que tiña o DNS configurado, non podía acceder ao Nextcloud ou outros servizos configurados. Nin co navegador, ni por terminal. Pero si que alcanzaba á Raspberry e podía acceder ao panel de control de Pi-Hole. Cando navegaba as peticións pasaban correctamente por el, pero as peticións aos subdominios non chegaban. Outra vez foi ChatGPT o que me dou a resposta. Cando lle expliquei que podía alcanzar o dominio pero non os subdominios, contestoume que ao contrario que outros sistemas, Fedora + systemd-resolved é bastante estricto co que considera válido para busca DNS. Por sorte a solución non foi nada complicada. Simplemente na configuración de rede de KDE, no campo Dominios de busca, tiven que engadir o meu dominio local. Con isto xa teño acceso aos subdominios. Despois de reiniciar a conexión, iso sí.

Conclusión

É interesante probar outras distribucións e sistemas, para atoparse con situacións destas, vendo como traballa cada unha. Obrigándote a usar ferramentas novas, para botalo a andar. Iso dende o punto de vista da curiosidade, pero non teño moi claro que pague a pena a complicación para configurar a rede 😅.

Tal vez algún día me decida a probar algo fora do mundo GNU/Linux. Si, FreeBSD estou mirando para tí.

Bibliografía

Discusións do proxecto Fedora: https://discussion.fedoraproject.org
ChatGPT: https://chatgpt.com